martes, 23 de octubre de 2012

Entregado á prensa 17 Outubro 2012



NOTA DE PRENSA
17 de outubro, Día Internacional pola Erradicación da Pobreza
O empoderamento, clave na erradicación da pobreza
Pontevedra, 17 de outubro de 2012.- A asociación Boa Vida Inclusión Social Activa quere conmemorar o Día Internacional pola Erradicación da Pobreza que ten lugar hoxe, cunha charla-coloquio, ás 18:30 horas na Biblioteca Pública de Pontevedra, na que participarán entre outros, o xornalista radiofónico e presidente de Agareso, Juan de Sola, e o cantante Gustavo Almeida, e que xirará ao redor do empoderamento das persoas como clave para erradicar a pobreza.

Segundo datos de EAPN- Galicia, na nosa comunidade 648.975 persoas viven na pobreza, o que supón un incremento de 50.000 persoas en relación co ano anterior. É especialmente grave a situación de 111.305 persoas que sofren privación material severa, o que sitúa a Galicia por encima da media nacional, cun 4,1% de poboación afectada. Ademais, a quinta parte dos menores galegos viven nun fogar pobre, o que supón que máis de 82.100 nenos e nenas menores de idade forman parte dunha familia que vive baixo o limiar da pobreza.

A extrema pobreza perpetúa un círculo de discriminación que ameaza os dereitos das persoas, por iso, dende a asociación Boa Vida queremos facer fincapé nun dos dereitos fundamentais, como é o da participación e o empoderamento, tendo en conta tamén, que este ano, a ONU dedica esta data á promoción do empoderamento e a consolidación da paz.

Dende Boa Vida consideramos que o empoderamento ten un valor especial na voz, por iso un dos participantes na charla-coloquio será o xornalista radiofónico e presidente da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Juan de Sola, quen explicará como se lle da voz á pobreza dende a radio. Ademais, presentaremos a gravación dunha conversa entre os nosos socios coa que pretendemos darlle voz ás persoas en situación de pobreza.

Remataremos o acto coa música de Gustavo Almeida, quen interpretará o seu tema ‘De frente’. Unha peza que pretende dar esperanza nestes momentos tan complexos e difíciles, nos que queremos lembrar que a crise non é froito do exceso de gasto público, senón da especulación e o malgasto do enramado bancario e financeiro. Así mesmo, dende a organización consideramos que a actual redución de apoio ás persoas desfavorecidas aumenta o tempo de permanencia na crise económica e condénanos a vivir e morrer na pobreza e fora dos sistemas de protección social acadados con tanto esforzo.

Ao final do acto terá lugar un ágape entre os asistentes ao mesmo.

Axuntamos á nota de prensa a gravación da conversa entre os nosos socios, para que os medios de comunicación poidan reproducir e facer chegar a voz de persoas en situación de pobreza á cidadanía.
Para máis información:
Boa Vida Inclusión Social Activa
Teresa Patiño e Miguel Luque (686 182 963)
Telf. asociación: 668 862 139

No hay comentarios:

Publicar un comentario